Manifiesto #25noviembre

MANIFIESTO 25 NOVIEMBRE

Un ano máis volvemos a estar aquí, diante do concello para manifestar a máis absoluta repulsa ante todo tipo de violencia contra as mulleres, e de xeito máis enérxico, a súa consecuencia máis extrema, os asasinatos.

Temos que ter en conta que:

“A violencia de xénero non é un problema que afecte ao ámbito privado. Pola contra, maniféstase como o símbolo máis brutal da desigualdade existente na nosa sociedade. Trátase dunha violencia que se dirixe ás mulleres polo feito mesmo de selo, por ser consideradas, polos seus agresores, carentes dos dereitos mínimos de liberdade, respecto e capacidade de decisión…” 

Por iso a consigna ten que ser a EDUCACIÓN

Vouvos ler unha testemuña dunha muller de 89 anos que, inda hoxe, segue na mentalidade de moitos homes, e por desgraza, tamén na das mulleres:

«Sacáronme do colexio con dez anos para coidar da miña irmá recen nacida. Meus irmáns estudaron unha carreira. Meu pai dicía que os homes tiñan que estudar para manter ben as súas familias e que as mulleres chegábanos con aprender a ler, escribir e saber sumar e restar para que non nos enganaran nas compras. Que tiñamos que prepararnos para levar o noso fogar, así que aprendín a cociñar e metéronme en clases de costura como parte da miña formación para ser unha boa dona…»

Esta muller contou moitas máis cousas, pero isto pareceume moi significativo xa que amosa o pouco que temos adiantado, é máis, estamos retrocedendo de xeito moi preocupante.

Seguramente, a maioría dos que estamos aquí, escoitamos estes días de atrás a algún político dicir que había que volver a poñer nos colexios a costura como asignatura, porque iso de coser empodera moito. O máis triste é que o dixera unha muller, porque esa mentalidade é a que leva ao sometimento das mulleres. 

Queremos ser mulleres libres, que ninguén decida por nos. Que si queremos coser o fagamos porque nos gusta, e nos da a gaña, pero si queremos ser mestras ou ciruxanas, teñamos as mesmas facilidades que os homes.

Queremos que as nosas fillas poidan andar libres e seguras polas rúas, que ningún home lles diga como se teñen que vestir, nin lles esixa a clave do móvil para vixiar a súas redes sociais.

Por iso, a consigna ten que ser A EDUCACIÓN

Este ano, segundo datos oficiais, foron asasinadas 51 mulleres en España, iso sen contar as mortes “colaterais” é dicir, as que foron asasinadas por estar ao carón das vítimas, por ser irmá, filla ou nai.

No caso de Galicia son xa 5 as mulleres asasinadas as mans de homes dos que pretendían afastarse: María José, Sandra, Alba i María Elena en Valga, E Mari Carmen en Vilalba. A rabia e o desconsolo é o que nos fai seguir nesta andaina, e nos volve traer diante dos concellos, coas camisetas negras e o luto na alma, pero a loita no corazón.

 A morte é a última e máis extrema das violencias machistas, pero son máis e de moi diferentes formas as violencias que rodean as mulleres. Nos últimos meses atopámonos coa dobre agresión que sofren as mulleres vítimas de violacións en grupo e de sentenzas que subestiman a situación de indefensión ante os agresores.

Para afrontar todas estas violencias, é preciso recoñecer as graves fendas de xénero existentes no ámbito social, económico y cultural. Son necesarias políticas reais para a promoción da igualdade e a prevención das violencias. Compren recursos humanos e económicos para o seu desenvolvemento en tódolos ámbitos; no da educación, da xustiza, dos coidados… etc. Por iso é importante incidir na prevención. Así que hoxe, volvo a repetir, a consigna é A EDUCACIÓN.

É importante tamén denunciar a complicidade de quen se acubilla e silencia estas violencias, porque quen mira cara outro lado, tamén é culpable!

Desde o Concello de Petín queremos reiterar neste 25 de novembro, o noso compromiso na loita pola erradicación das violencias contra as mulleres, e combatelas con todos os recursos ao noso alcance, incluíndo a todas e a todos nesta loita; axentes sociais, institucións, cidadanía, medios de comunicación… Porque as entidades locais son os poderes públicos máis próximos ás realidades que viven as mulleres e as crianzas.

Pero a todas e a todos lémbrovos que a solución está na EDUCACIÓN. 

E xuntas, en rede, será máis doado seguir.